02/12/10

Churros, para cando vai frío coma hoxe!


Ingredientes:

1 taza de fariña
1 taza de agua
sal
aceite
azúcar ou cacao en pó

Preparación:

Cando ferva a agua con sal nunha pota, botar a fariña e apagar o lume. Traballar a fariña fóra do lume. A continuación pór unha tixola con abundante aceite (eu uso de xirasol para que non collan gusto a aceite) no lume. Meter a masa na churreira, tendo coidado de que non quede aire dentro, do contrario os churros poden estourar cando estean ao lume e é perigoso... Cando o aceite estea ben quente, pór a churreira enriba da tixola, virar o mango e facer saír o churro. Cando chegue á lonxitude desexada, cortar cos dedos e deixar caer con coidado no aceite. Encher a tixola de churros e deixar fritir. Se "saltan" moito, pódese por unha tapa. Ter coidado de que se fagan por todas partes, cunha pinza pódenselle dar a volta. Conforme se vaian facendo, pásanse a un prato ou bandexa con papel de cociña para que empape o aceite, e despois bótaselles o azúcar ou o cacao en pó. Pódense acompañar dun chocolate quentiño, que ben presta nestes días!